Imposto antiespeculación

A Fronte Amplia creará un imposto do 10% á acumulación de vivendas.

Desde a Fronte Amplia propoñemos un imposto estatal do 10% sobre o valor das vivendas, que se aplicará ás empresas desde o primeiro inmoble e aos particulares a partir do cuarto, cando o valor conxunto das súas propiedades supere os 800.000 euros. A medida pretende desincentivar a acumulación especulativa de vivendas e favorecer que se destinen ao alugueiro accesible e estable ou saian á venda. As vivendas destinadas ao alugueiro accesible e estable quedarían exentas do imposto.

Preguntas e respostas

Por que propón a Fronte Amplia gravar a acumulación de vivendas?

A proposta parte da crecente concentración de vivendas en mans de propietarios que acumulan varios inmobles. Segundo o informe El problema de la concentración inmobiliaria en España, elaborado polo Ministerio de Consumo en colaboración co CSIC, entre 2008 e 2022 os grandes propietarios con máis de dez propiedades pasaron de acumular 138.000 a 626.000 inmobles.

Durante o mesmo período, os fogares sen ningunha propiedade inmobiliaria aumentaron un 63%, mentres que os que posuían unha soa propiedade diminuíron un 22%. A concentración tamén afecta ao mercado do alugueiro. Segundo un estudo de EsadeEcPol publicado en outubro de 2026, os propietarios que alugaban cinco ou máis vivendas incrementaron as súas rendas un 13,5% entre 2019 e 2023, fronte ao 7,2% dos que alugaban unha soa.

Que pretende conseguir o imposto á acumulación de vivendas?

O obxectivo principal da proposta é desincentivar a acumulación especulativa, non maximizar de maneira permanente a recadación. Propoñemos que os propietarios afectados teñan dúas alternativas principais para evitar o gravame sobre as súas vivendas: destinalas ao alugueiro habitual, accesible e estable, beneficiándose da exención, ou vendelas para ampliar a oferta dispoñible.

Tería que pagar o imposto se teño catro vivendas?

Non necesariamente. Para que se aplique o imposto aos particulares, o valor conxunto das súas propiedades debe superar os 800.000 euros. A proposta tamén contempla excepcións para determinadas circunstancias familiares, participacións minoritarias herdadas e inmobles de escaso valor.

Canto se pagaría por acumular vivendas?

A Fronte Amplia propón un imposto do 10% sobre o valor dos pisos afectados, que se aplicaría ás empresas desde o primeiro inmoble e aos particulares a partir do cuarto, cando o valor conxunto das súas propiedades supere os 800.000 euros. As vivendas destinadas ao alugueiro accesible e estable quedarían exentas.

Estarían exentas as vivendas destinadas ao alugueiro?

Si, sempre que se destinen ao alugueiro habitual, accesible e estable. Estas vivendas tampouco contarían para calcular os limiares de aplicación do imposto.