Tax the rich
A Fronte Amplia subirá os impostos aos ultrarricos.
Desde a Fronte Amplia queremos aumentar a tributación das grandes fortunas para reducir a desigualdade económica e reforzar o financiamento dos servizos públicos e os dereitos sociais. A proposta parte da elevada concentración da riqueza e das diferenzas na tributación efectiva dos fogares con maiores ingresos.
Reformaremos o imposto sobre as grandes fortunas para garantir unha tributación mínima do 2% a partir dun millón de euros e estableceremos unha taxa do 3% anual para os patrimonios superiores a 50 millóns. A medida afectaría aproximadamente ao 1% de quen presenta a declaración da renda.
Preguntas e respostas
Por que propón a Fronte Amplia un imposto aos ultrarricos?
Segundo o estudo La desigualdad de la riqueza por comunidades autónomas, publicado por EsadeEcPol en xuño de 2025, o 1% da poboación con maior patrimonio concentra entre o 26% e o 27% da riqueza total, mentres que a metade con menos patrimonio acumula arredor do 7%. O informe analiza os datos do período 2016-2022 correspondentes ás comunidades autónomas de réxime fiscal común, sen incluír o País Vasco e Navarra.
A concentración de riqueza tamén se observa entre as maiores fortunas do país. Segundo Oxfam Intermón, en España hai 33 persoas cun patrimonio superior aos mil millóns de euros que acumulan máis riqueza ca o 39% da poboación.
Cremos que esta distribución xustifica aumentar a contribución fiscal das persoas con maiores patrimonios para financiar dereitos como a sanidade, a educación e unhas condicións de vida dignas.
Por que defende a Fronte Amplia unha maior progresividade fiscal?
Propoñemos o imposto aos ultrarricos porque consideramos necesario que as maiores fortunas contribúan en maior medida ao sostemento dos servizos públicos.
O décimo informe do Observatorio sobre a repartición dos impostos e as prestacións entre os fogares españois, elaborado por Fedea, identifica unha redución do tipo efectivo medio do IRPF no tramo máis alto de renda.
Segundo este estudo, correspondente ao exercicio 2023, os fogares situados entre os percentís 91 e 99 de renda bruta soportaron un tipo efectivo medio do 15,7% no IRPF. En cambio, no 1% con maior renda bruta o tipo baixou ata o 10,9%.
O informe sinala que o IRPF é globalmente progresivo, aínda que esa progresividade non se mantén en todos os tramos de renda. Queremos reforzar a contribución das grandes fortunas mediante un imposto específico sobre o seu patrimonio neto.
Afectaría o imposto aos salarios e ás pensións?
Non. O imposto proposto pola Fronte Amplia grava o patrimonio neto das grandes fortunas, non os salarios nin as pensións.
Pagaríase o imposto ademais do Imposto sobre o Patrimonio?
A proposta prevé descontar as cantidades efectivamente pagadas polo Imposto sobre o Patrimonio para evitar duplicidades. O obxectivo é garantir unha tributación mínima das grandes fortunas, mesmo cando existan bonificacións autonómicas.